O ourizo Rosco, das fragas de Xanceda volveu ás aulas despois do parón da covid 19. Fíxoo no colexio CEIP Plurilingüe de Sigüeiro coa rapazada de 3º, 4º, 5º e 6º da man da formadora Isabel Mirás.
Esta acción de responsabilidade social corporativa de Casa Grande de Xanceda ten como obxectivo promover valores tan importantes como o respecto ao medio ambiente e a conservación da contorna e facelos partícipes da misión global de coidar o noso planeta. Rosco, o protagonista deste proxecto educativo, é un ourizo que descobre que a natureza está cada vez máis deteriorada e ameazada. A súa misión é atopar persoas cómplices para salvala.
Os contidos da charla abordan diversos aspectos: a polinización, a cadea trófica, a contaminación, as especies en perigo de extinción, a destrución de hábitats, a importancia da reciclaxe…
A través dun divertido teatro, xogos e cancións, Rosco conta as súas aventuras e explica os graves problemas que atacanao medio ambiente. Ademais, Rosco ensina o importante que é axudar a salvar a natureza destas ameazas e con que acción do día a día se pode contribuír a facelo posible.
Ademais de Rosco ao Rescate, Casa Grande de Xanceda contra con outros dous programas educativos: Educando con Malibú e Dá o Paso. No primeiro deles Malibú, a cadeliña da granxa, ensina á rapazada tenencia responsable de animais. No caso de Dá o Paso, está enfocado a un alumnado máis adulto e trátase dun obradoiro para fomentar o emprendemento no rural.
